O principio do Camiño…
En agosto de 2009, Gerardo, un rapaz xordocego de Vigo, fixo o seu primeiro Camiño de Santiago pedaleando sobre un Copilot, triciclo tándem de orixe holandés que unha alma caritativa lle decidiu doar para que puidese cumprir o seu soño.
Unha vez na praza do Obradoiro, cando a ruta chegara ao seu fin e os que acompañaramos aquel entusiasta peregrino aventureiro, forma na que a el lle gusta presentarse, nos felicitabamos por acabala sen contratempos, Gerardo pronunciou unhas palabras que nos marcaron profundamente: «Javier, busca máis persoas con problemas coma min para facer o Camiño por moitos anos». Acababa de nacer o DisCamino.