2014 tamén foi un ano de máis dun DisCamino e de grandes metas:
- CAMIÑO: Camiño portugués (100 km). Xullo
En xullo fixemos a pé os últimos 100 km do Camiño portugués acompañando a Diego, mozo madrileño con distrofia muscular de Duchenne.
- CAMIÑO: Roma-Santiago. Agosto
Do 3 de agosto ao 16 de setembro fomos pedaleando con Gerardo, con Maxi e con José Varela desde Roma ata Santiago, unha pequena tolería cunha razón de ser. Gerardo, desde o primeiro ano, quixo peregrinar de Roma a Santiago para poder coñecer o papa. Se ben nun principio tomamos nota dese desexo como algo realizable a longo prazo, a crúa realidade da deterioración das súas condicións físicas fíxonos darnos de conta de que era algo practicamente inviable. Ademais desa importante e decisiva cuestión estaban tamén os problemas do tempo e do diñeiro necesarios para levar a cabo tamaña ruta.
Non obstante, certos acontecementos de última hora puxéronnolo case en bandexa:
- Que Maxi estaba tolo por facer o Camiño francés completo desde Roncesvalles.
- A incorporación de Varela ao noso grupo (Varela é compañeiro de Maxi na APAMP; coma el, sofre unha parálise cerebral e ten, aos seus 61 anos, a mesma ilusión que un cativo por andar en bicicleta) e o seu enorme desexo de ir a Francia practicar un idioma que adora, o francés.
- A posibilidade de obter un permiso no traballo…
Todo isto no seu conxunto fíxonos retomar a idea con certos matices e esa idea, transformada no plan de Camiño, quedou da seguinte maneira: DisCamino-2014: Roma-Santiago
- Gerardo: a parte italiana (Roma-Ventimiglia): 727 km
- Varela: Francia (Ventimiglia-Roncesvalles): 880 km
- Maxi: España (Roncesvalles-Santiago): 772 km