2016

2016

E… CHEGAMOS A 2016 !

Como vimos, o crecemento da familia DisCamino fixo que o 2015 fora unha verdadeira tolería no relativo a proxectos e este 2016 parece que vai polos mesmos vieiros. De momento temos SEIS proxectos entre mans:

  • DisCamino-2016.1: Vigo-Santiago. Xuño

O primeiro deste ano será o DisCamino Infantil.
Marta comezou cos nenos en maio de 2015 e xa non é posible atrasar máis a súa aventura. Será un Vigo-Santiago a finais de xuño, en canto terminen os colexios. 100 km en tres etapas que se repartirán entre os 12 peques que adestran con regularidade cos nosos triciclos. Se non conseguimos máis triciclos temo que haberá que facer un DisCamino-2016.1-A e un DisCamino-2016.1-B, mais… iso xa se verá.

DisCamino Infantil 2016

  • DisCamino-2016.2: Vigo-Santiago.

En 2015 foron varios os usuarios da APAMP que nos dixeron que eles tamén querían facer o Camiño nas súas cadeiras de rodas. A experiencia de Carlos Rivas con AIP fíxolles darse de conta de que eles tamén podían e, se podían, querían facelo. Xa levan tempo adestrando nunha actividade que se denominou sendeirismo e están todos moi ilusionados. Sairemos desde Vigo a finais da primavera e serán 5 etapas as que nos levarán á catedral de Santiago. Connosco virán Nacho e outro compañeiro seu da APACE Burgos. Nacho, cando pasamos a noite na súa residencia, díxonos que quería vir a un Camiño e este verán será a súa oportunidade.

DisCamino Infantil 2016

  • DisCamino-2016.3: xuño.

Será o DisCamino de Marcela, unha rapaciña de 9 anos de Guatemala. Pedro, o seu papá, púxose en contacto connosco para que lle axudaramos a organizar o seu Camiño. Iremos a pé e utilizaremos por primeira vez unha Joëlette, cadeira de rodas deseñada para a práctica do sendeirismo. Será a segunda quincena de xuño.

DisCamino Infantil 2016

  • DisCamino-2016.4: Vigo-Santiago. Xullo.

O DisCamino de JuanDa e Nasi, amigos con problemas que nos encontraron a través da Internet. Será a principios de xullo e farémolo nunha Joëlette, igual que con Marcela. Non poden ir xuntos por cuestións de calendario e porque non dispomos, de momento, de máis que de 2 deses modernos palanquíns de princesa medieval.

Juan David ten parálise cerebral e, aínda que a súa idea é preparar con calma un gran Camiño en triciclo para o ano 2017, non quere deixar pasar o 2016 sen facer a súa primeira peregrinación. Con el irán a súa familia e os seus amigos.

Nasi ten esclerose múltiple e Trini, unha amiga del, díxonos que ten moita ilusión por facer o Camiño. Serán elas as dúas as que camiñen connosco e con JuanDa.

  • DisCamino-2016.5: Roncesvalles-Santiago. Xullo.

Este vai ser un DisCamino moi especial porque vai facer realidade un montón de soños desde hai moito tempo soñados e adiados:

  1. O soño de Javi Fernández (parálise cerebral e ataxia) e de Trueno Gris, a súa handbike. Por fin o gran Camiño polo que leva piando, traballando e sufrindo case dous anos.
  2. O de Paulita (parálise cerebral), que compartirá Copilot con José Varela, o avó do DisCamino, acompañante de luxo, veterano en idade e en camiños.
  3. O de Rafa (xordocego), amigo e compañeiro de Gerardo na ASPAVI, que leva tempo adestrando connosco, mais que ata a data non se decidira a meterse nesta aventura.
  4. E o de Unai e os seus pais, Koko e Susana, membros case que fundadores do DisCamino Infantil e os primeiros do grupo de peques en faceren un gran Camiño.

Será un novo Roncesvalles-Santiago durante a última semana de xullo e a primeira de agosto.

DisCamino-2016_5

  • DisCamino-2016.6: a Volta a España Agosto-setembro.

O gran proxecto do ano, unha loucura asimilable ao de Roma-Santiago de 2014 e coa mesma estrutura ou unha moi semellante ao de Sevilla-Santiago do 2015, 6 copilotos e 3 pilotos, mais para facer algo moi distinto ao que foi a tónica do DisCamino ata o de agora. Todos eles, pilotos e copilotos, xa levaron a cabo a súa peregrinación polo menos nunha ocasión e por iso, esta vez, non pedalearemos tendo Santiago de Compostela como meta. Unha vez máis foi Gerardo quen tivo a idea. Un bo día dixo que en 2016 quería dar a volta a España e esa idea quedounos ás voltas na cabeza e fixo que a cousa tomara forma e se convertese no DisCamino-2016.5, mais dun modo distinto ao que el imaxinara. A súa volta a España converteuse na Volta Ciclista a España, a dos deportistas profesionais. Serán 7 os amigos con necesidades especiais que participarán nesta aventura: 6 copilotos de triciclo-tándem (Anita, David Gil, Gerardo, Isa, Iván e Maxi) e Borja, un campión de 13 anos con síndrome de Down que irá na súa bicicleta. Con eles irán 3 pilotos con 3 triciclos.

As nosas etapas terán como lugar de partida e de chegada os mesmos que os da Volta oficial só que as faremos un día antes ca eles. Será do 19 de agosto ao 10 de setembro. Xa estamos traballando nisto.

 

Scroll al inicio